Destino Santiago

Destino Santiago é un programa de entretemento transmedia e co-branding de Slow TV que emprega como fío condutor o Camiño de Santiago. Producido por Starplanning Producións para a Televisión de Galicia, este formato pioneiro a nivel nacional foi o encargado de inaugurar o que se denominou como TVG amodiño, o Slow TV galego.

Destino Santiago é moito máis que un programa de televisión, trátase dunha aventura audiovisual inédita. Un auténtico desafío persoal e tecnolóxico que combina o Slow TV (10 horas ao día de emisión en directo), o Reality (16 días de convivencia) e o Game (superación de probas, imposición de restos, obtención de recompensas).

Nesta segunda edición, Susana Seivane e David Perdomo embárcanse nunha gran aventura que os levará a través do Camiño de Santiago dende Vilafranca do Bierzo ata Fisterra. 16 etapas, 334 quilómetros e 160 horas de emisión en directo cheas de experiencias, emocións e moitas sorpresas que os esperan no camiño. Anímaste a camiñar con eles?

Comparte o noso destino, Destino Santiago!

Susana Seivane

(Barcelona, 25 de agosto de 1976)

Susana Seivane pertence a unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia, Os Seivane. Aos 3 anos comezou a tocar a gaita e desde aquela non parou de aprender e de formarse, tanto que a día de hoxe é unha das artistas galegas máis recoñecidas a nivel internacional. Na súa música e nas súas creacións Susana Seivane sabe combinar á perfección a esencia da música galega cos sons máis modernos e transgresores, algo que aporta frescura e orixinalidade aos seus espectáculos.

Con 4 discos no mercado Susana publicará en breve o que será o seu 5º traballo discográfico, Fa, unha homenaxe á maternidade. Agora Susana Seivane comeza unha nova aventura que é Destino Santiago, unha etapa que de seguro a marcará como artista e como persoa.

David Perdomo

(A Coruña, 19 de decembro de 1979)

David Perdomo naceu e criouse na Coruña. Na súa cidade natal tamén comezou os seus estudos de arte dramático na Escola Casa Hamlet, ata que as súas inquedanzas profesionais levárono a realizar varios cursos en diferentes escolas nas que chegou a ser alumno de Leo Bassi ou Churri Silva.

Tras participar nalgunhas curtametraxes o éxito e o recoñecemento do público galego chegoulle da man do “Koruño”, personaxe que interpretaba nunha serie de internet e que o converteu en todo un referente entre a xente máis nova. No ano 2011, David Perdomo dá o salto á televisión nacional como colaborador do programa “No le digas a mamá que trabajo en la tele”, onde coincidiu con humoristas tan recoñecidos como Goyo Jiménez ou Dani Rovira. Xa de volta en Galicia, ten colaborado en moitos programas da TVG e actualmente colabora no Land Rober, o show conducido por Roberto Vilar.

Agora David mergúllase nun novo reto, ser un dos protagonistas da segunda edición de Destino Santiago. Unha experiencia coa que agarda atoparse a si mesmo e darse a coñecer dun xeito máis persoal ante o público galego.

PRODUCIDO POR

COA COLABORACIÓN DE