13 maio 2018

Muxía – Fisterra

29,3km

Muxía

Fisterra

ETAPA 1
28 abril 2018
28.4 km
9 horas

David e Susana comezan a súa aventura que os levará por fermosos lugares ata Santiago, lugar desde o que continuarán a súa peregrinaxe ata Fisterra, coñecida como "a fin do mundo".
Nesta primeira etapa sairán desde Vilafranca do Bierzo, localidade da provincia de León que os deleitará con incribles paraxes. Pasarán por varios concellos, entre eles o de Vega de Valcarce, onde gozarán das súas fermosas vistas, sobre todo en Las Herrerías e nos altos da Faba ou da Laguna. O ascenso será duro, pero seguro que paga a pena! Desde aí os nosos camiñantes estarán xa moi preto de Galicia. Nesta xornada chegaremos ao Cebreiro e descansaremos para no día seguinte retomar a ruta que se enmarcará xa na súa totalidade en territorio galego.

ETAPA 2
29 abril 2018
21km
5h 45m

Hoxe os nosos camiñantes pasarán por lugares como a Igrexa de Santo Estevo de Liñares ou a localidade de Biduedo, no que o concello do Cebreiro dálle paso ao de Triacastela. Susana e David poderán gozar das vistas desde miradoiros coma o do alto de San Roque e máis cara o final da etapa, o do Alto do Poio. Iso si, para chegar a este último terán que afrontar unha subida que de novo fará que se poñan a proba. No tramo final da etapa, o terreo daralles un respiro.

ETAPA 3
30 abril 2018
24,6km
6h 30m

David e Susana encaran hoxe a terceira etapa do seu camiño. No seu percorrido pasarán por frondosos bosques, ben fermosos por certo.
Nesta etapa pasarán por Samos. A ruta acompaña ao río Sarria. O terreo será favorable ata chegar a San Cristovo do Real. Despois pasarán por Freituxe e Teiguín. No medio visitarán o famoso Mosteiro de Samos.
Entre os lugares polos que pasarán tamén: Calvor, no que está a Igrexa de Santo Estevo ou un antigo castro. Ao final do día chegarán a Sarria, lugar desde onde moitos peregrinos comezan o camiño e lugar tamén de bo pan e mellores embutidos.

ETAPA 4
1 maio 2018
22,4km
6h 30m

Susana e David teñen por diante unha etapa que é aparentemente tranquila, porque non ten grandes subidas. Hoxe serán os falsos chans os que farán esforzarse aos nosos camiñantes: nos primeiros 13 km poderán gozar de fermosas paisaxes pero de moito desnivel no terreo, así que precisarán moita forza nas pernas! Entre os puntos a destacar no tramo de hoxe, a localidade de Ferreiros, onde estes profesionais traballaban o calzado dos peregrinos e ferraban as súas cabalgaduras.

ETAPA 5
2 maio 2018

Xornada dedicada a descansar as pernas e a coñecer máis polo miúdo esta fermosa localidade. Susana e David pasarán a mañá percorrendo Portomarín dunha maneira moi especial e, despois do xantar, comezará o SET que temos preparado entre as 16:00 e as 20:00 horas no que poderemos falar con varias persoas naturais da vila e asistir en directo a actuacións, entrevistas ou demostracións.

ETAPA 6
3 maio 2018
25km
6h 45m

Por sorte, hoxe os nosos camiñantes afrontan un camiño con poucas dificultades, pero con máis kilómetros que noutras etapas. O único punto destacable no que lles fará falta máis forza agárdalles á saída de Castromaior. Tamén pasarán por varios “tobogáns” que agradecerán, xa que supoñen unha baixada do terreo, chegando xa a Palas de Rei.

ETAPA 7
4 abril 2018
28,8km
7h

Esta sétima xornada do Camiño é coñecido como o tramo “rompepernas”. Este alcume vénlle dádo por ser unha das etapas máis longas de Galicia cun trazado moi variado, o que a converte nun verdadeiro reto para eles. Pola contra, David e Susana percorrerán unha das rutas máis fermosas, con paraxes verdes e unha gastronomía sen igual. Algún dos puntos polos que pasarán: a Igrexa de San Xoán de Furelos, ou a localidade de Melide.

ETAPA 8
5 maio 2018

Nova xornada de descanso para os nosos camiñantes. Nesta ocasión viviremos a cultura da comarca de Arzúa: a súa xente, os seus lugares, e por suposto a súa gastronomía. De novo David e Susana terán a oportunidade de falar e de asistir a diferentes actividades tanto pola mañá como pola tarde nunha agradable churrascada.

ETAPA 9
6 maio 2018
19,1km
5h

Os camiñantes afrontan a novena etapa do camiño que os levará desde Arzúa ata O Pedrouzo. A andaina desta xornada é moi cómoda, con pendentes moi doadas e con paraxes inigualables. Neste tramo hai unha gran riqueza paisaxística e arquitectónica. Ao remate da xornada, Susana e David estarán só a 20 km de Santiago.

ETAPA 10
7 maio 2018
20km
6h

Hoxe é un gran día para David e Susana porque será a xornada na que pisarán o Obradoiro. Primeiro teñen por diante unha xornada bastante agradable, non moi longa nin con grandes costas. Os nosos camiñantes ademais poderán gozar das vistas desde o Monte do Gozo. A ruta pasará por lugares coma Cimadevila, A Lavacolla, ou San Marcos.

ETAPA 11
8 maio 2018

Esta xornada estará dedicada, entre outras cousas, a descansar e admirar a marabillosa catedral compostelá antes de emprender a marcha cara a Fisterra. Ademais da actividade da mañá, de novo haberá un SET do programa no centro da cidade no que estarán presentes convidados, actividades e máis sorpresas.

ETAPA 12
9 maio 2018
21km
6h 45m

Nesta xornada os nosos camiñantes van ter que cargar as forzas para chegar a Negreira porque agárdalles unha subida importante entre os puntos de Augapesada e a cima de Mar de Ovellas, tramo máis duro da xornada de hoxe. Unha vez superada esta proba para as súas pernas, atoparán un reparador descenso cara a beira do Tambre e Ponte Maceira.

ETAPA 13
10 maio 2018
33,4km
7h 30m

A etapa prevista para esta xornada é unha das máis duras do camiño sobre todo pola súa duración. Nela os camiñantes pasarán por frondosos bosques que desembocarán en terra de bos gandeiros. O camiño continuará e dende o alto do Monte Aro poderán avistar o embalse da Fervenza, un dos máis coñecidos da zona. A etapa rematará en Olveiroa, lugar de descanso de peregrinos e con enclaves únicos.

ETAPA 14
11 maio 2018
32,5km
7h 30m

David e Susana teñen por diante unha das etapas máis longas do camiño. A etapa será máis fácil no seu comezo, nos primeiros 23 km ata San Martiño de Ozón. Desde aí, haberá moitas subidas e baixadas que fan que só sexa para valentes o último tramo da ruta. Os camiñantes pasarán por localidades como Dumbría, Os Muíños ou Merexo antes de chegar a Muxía.

ETAPA 15
12 maio 2018

A etapa de hoxe será para que os nosos camiñantes collan forzas antes da súa chegada a Fisterra. Ao longo do día os nosos camiñantes acompañarán a persoas da vila e poderán gozar de distintas demostracións, actuacións e visitas.

ETAPA 16
13 maio 2018
29,3km

Os camiñantes chegarán nesta xornada por fin a Fisterra. O programa rematará cun colofón final no que os camiñantes desprazaranse ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago para despedir esta edición como se merece. Estade atentos!

PRODUCIDO POR

COA COLABORACIÓN DE